martes, 26 de junio de 2012

Raios! Entre o si e o non

¡Quen dera ter una insua
nalgures; non sei onde;
onde se volven un
o mar eo ceo ... lonxe!

[Franco Grande, Xosé Luís. Entre o si e o non. ]

En vista da miña falta de ideas recurro a fozar entre libros para ver se atopo algo de digna mención. Non creades, a pesar de ter a cabeza chea de cousas e a casa hinzada con eses bechos de papel que chamades libros non atopo moito con que refrescar este recuncho. Podería abandoar, si, pero a min gústame máis pasar por aquí de vez en cando para iluminar miolos, en concreto os meus, o vosos importanme pouco. Sinto ser cruel, pero así é a realidade egocéntrica do ser deste blog.

A paz e o medo xuntos;
a soedade a engulirme a modo;
as horas lentas, longas,
¡e o mundo enteiro que me daba voltas!

[Franco Grande, Xosé Luís. Entre o si e o non. ]

Así é vivir un vran neboento, que ata a cabeza perde a visibilidade das ideas. Ando entre o morse e a lóxica, a arte funeraria e a erótica, entre o dixital e o analóxico, entre os xornais que non contan nada interesante e as cadeas de televisión que repiten e repiten capítulos de series. Había de coller a bicicleta e converter as paisaxes que me arrodean en imaxes que pasan aceleradas ata que encontrara o boton de pause no deter dos pedáis. Había de facer de cada palabra caída entre as tarefas do fogar unha novela que vender, en cambio ando facendo, refacendo e fozando no meu CV a ver se me cae algo, algo que non sexa un prato esvarando das mans húmidas tras comer. Había, agora, de tomar un café, pero raios! Deixei a cafeina e o abrazo doce da teina aínda non consegue revolverme de paixón as entrañas como cando me deixo abafar polo abrazo sensual do café. Raios! nin sol nin café nesta casa, raios! Só nos faltan iso, os raios, e terémo-lo vran ben completiño. 

¡E o meu traballo e os meus días son
ir dunha banda á outra
polo camiño que vai ter a min ...!

[Franco Grande, Xosé Luís. Entre o si e o non. ]



No hay comentarios: